/ONDE NACE O FUTURO /
Os acevos tardan anos en crecer.
Ver medrar un acevo é un exercicio de paciencia.
Pero despois, a súa madeira é tan dura que non flota.
O acevo utilízase desde hai miles de anos como remedio natural e como a mellor madeira para a fabricación de ferramentas. Os seus froitos, que maduran nos meses máis duros do inverno, son fonte de vida para aves e mamíferos.
Os acevos son tamén inspiración.
Seremos un bosque de madeiras duras e de froitos. Coidaremos do que plantamos hoxe. Verémolo crecer.
E durante moitos anos, asistiremos xuntos ao nacemento do futuro.
Como coidalo
Levas contigo unha pranta que durante algo máis dun ano vivirá cómoda tal e como a recibes, nesta maceta, en interior e en exterior. Non precisa que a regues: podes colocala enriba dun prato con auga para que ela mesma absorba a auga que necesite en cada momento.
Cando pase un ano, polo inverno, deberás escoller o lugar no que queiras que medre, sacala da maceta e prantala. Pensa que nuns vinte anos poderá coller ata 8 ou 10 metros de altura, e estará ben que conte con espazo suficiente ao redor, uns 2 metros por cada lado.